Poética do tempo detido
Non hai tempo xa de metáforas baldeiras... Tras tanto pasado inesgotable o fondo da aldea cheira a tempo morto, tras tantos presentes que non dan chegado o fondo da aldea é unha historia intocable, tras tantas horas de futuro inmóbil o fondo da aldea encheuse de noites e a poesía encheuse de mortos e de cómodas lendas pra non saírmos do berce... e hoxe anda a berrar a poesía entre os carballos de máis, hoxe escóitanse chegar mundos alleos pra ceibala e botala enriba dos camiños a caldeiros ata que afoguen nas pozas novas os cantos de medos e os entroidos de morriña e as metáforas se enchan de reloxos suorentos.
( Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 23, 2020)
Os mares
Os mares de Homero encheron as corredoiras de medos, encheron as leiras de portos, encheron os montes de ollos, enchéronme as mans de remos.
(Madrygal. Revista de Estudios Gallegos 23, 2020)